TOCAR, ESCOITAR E RAZOAR
Escoitemos o murmurio do mar.
Ola, navegantes! Como ides?
Comezamos esta segunda semana embarcados, sen terra á vista. Bo momento para lembrar melodías e coñecer algunha nova que nos cante un compañeiro ou compañeira de travesía.
Esta son as tarefa que vos propoño para esta semana:
1. Seguimos a practicar O son do ar
Ese evento segredo que nos tiña tan entusiasmados, polo intre, haberá que adialo. Pero non vos preocupedes. Talvez a situación mellore antes do que imaxinamos, e, entón, teremos que traballar rápido. Así que vos propoño seguir a tocar. Xa sabedes: sen correr, e con bo son, sempre co "t".
Por se algún aínda non sabe ben a parte B, gravei un vídeo que vos pode axudar. Despaciño e boa letra!
Si xa sabedes a canción e tedes axilidade suficiente, podedes acompañar estoutro vídeo que xa coñecedes:
María: ti tamén podes practicar as túas melodías de violín mentres soa de fondo este vídeo.
2. Convertímonos en críticos musicais.
Para iso imos partir dunha figura senlleira na Ría da Vigo: María Soliña. Seguramente a coñecerás porque traballámola hai dous cursos polo Día contra o Maltrato de Xénero. Podes refrescar o que aprendemos neste enlace.
A triste historia de María Soliña inspirou a Celso Emilio Ferreiro para escribir este poema que aparece recollido no seu libro Longa noite de pedra, de 1962.
Polos camiños de Cangas
a voz do vento xemia:
ai, qué soliña quedache,
María Soliña.
Nos areales de Cangas
muros de noite se erguian:
ai, qué soliña quedache,
María Soliña.
As ondas do mar de Cangas
acedos ecos traguían:
ai,qué soliña quedache,
María Soliña.
As gueivotas sobre Cangas
soños de medo tecían:
ai, qué soliña quedache
María Soliña
Baixo os tellados de Cangas,
anda un terror de auga fría:
ai, qué soliña quedache
María Soliña.
Dende o ano 1962, este fermosísimo poema de Celso Emilio converteuse no símbolo da inxustiza e do maltrato contra a muller. Por iso, existe un gran número de versións musicadas por diferentes grupos e intérpretes.
O teu traballo será escoitar todas estas versións, contestar as preguntas que che faga e escoller a que máis che gusta, pero dando argumentos claros e fundamentados.
Para iso, ofrézoche unha escolma de vídeos, e, a continuación, un formulario que deberás completar.
Rosa Centrón e Cristina Pato:
Carlos Núñez:
Luar na Lubre:
Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia:
Amancio Prada:
Emilio Rúa:
Eva Carreras:
Escoitaches ben? Seguro?
Pois aquí tes o formulario para darme as túas respostas. Estou desexando recibilas!
Hola son Adriana a versión que mais me gustou foi a de Luar na Lubre xa que e a que mais ritmo ten, sinto moito non haber feito antes as tarefas,un bico
ResponderEliminar