ANALIZAMOS A MÚSICA
... e elaboramos un musicograma.
Ola, chicos e chicas de 3º e 4º de Primaria! Que tal estades? Espero que moi ben.
Despois de escoitar a semana pasada o primeiro movemento da Primavera de Vivaldi imos analizala.
Tal e como contestastes algúns, na música identifícanse os seguintes fenómenos meteorolóxicos: canto dos paxaros - murmurio dunha fonte - treboada - canto dos paxaros.
Todo isto permítenos crear unha historia. Eu penseina así:
Fai un día estupendo, e decidimos ir cos amigos e amigas ó campo.
Quedamos engaiolados escoitando o canto dos paxaros.
Continuamos paseando, e chegamos á beira dun arroio (ou dunha fonte) onde podemos beber e refrescar as mans.
Volvemos pasear, pero... de súpeto temos que nos agachar! Unha tormenta tremenda ven de estalar.
Despois da tormenta, sempre sae o sol: unha bolboreta, ou un arco da vella, anúnciannos que todo rematou. Así que seguimos co noso paseo.
Os paxaros volven cantar, e os cativos regresan, felices, a casa.
Esta é a historia que suxire a música. Agora, temos que trasladar a historia a debuxos. Se premedes na seguinte imaxe podedes acceder ó enlace no que descargar unha ficha.
Que non tedes impresora...? Non vos preocupedes. Collede un folio e facede unha cuadrícula similar a esta.
1. Como vedes, os debuxos representan o paseo dos rapaces.
2. Agora tedes que debuxar os elementos que aparecen polo medio: os paxaros cantando - o arroio ou a fonte - a treboada - a bolboreta ou o arco da vella - os paxaros.
3. Cando estea completa, volve escoitar a audición e vai sinalando co dedo a parte que estás a escoitar en cada intre.
4. Cando teñas a túa ficha rematada, pide os teus pais que lle saquen unha foto. Compártea comigo enviándoa á seguinte dirección de correo electrónico:
biblionavia@gmail.com
Indica como asunto: Musicograma.
Todos os vosos traballos serán publicados. Así que... esmerádevos.
Bicos, apertas e.... saúde!
Comentarios
Publicar un comentario