TRADICIONAL, FOLCLÓRICA OU FOLK?
Usa os teus coñecementos previos!
Ola, rapazada de 6º de Primaria. Como ides...? Espero que moi ben.
Durante o Segundo Trimestre falamos dos conceptos de Música Tradicional, Música Folclórica e Música Folk. Neste post imos refrescar os conceptos.
1. Música Tradicional
- Transmítese oralmente durante xeracións nun lugar xeográfico determinado
- Foi creada cunha función específica:
- para axudar nos esforzos do traballo;
- para bailar e, así, poder atopar parella;
- para acompañar a soidade do pastor;
- para conmemorar acontecementos históricos...
- A finalidade destas pezas non é seren interpretadas nun escenario
Este tipo de música existe dende hai miles de anos. Polo tanto, é lóxico pensar que, ó transmitirse de xeito oral, só se fosen conservando aquelas pezas que máis gustaban á xente e que outras moitas desaparecesen por seres de menor calidade.
2. Recolleita e folclorización
No século XIX diversos estudiosos das cidades achéganse ás aldeas e consideran moi interesantes os cantos e danzas tradicionais que alí escoitan. Para preservalos, deciden facer unha recolleita. É dicir transcribir a papel todo o que escoitan. Segundo avanzan os tempos e a tecnoloxía, estas recolleitas transfórmanse en gravacións de audio e vídeo.
Unha vez feita esta recolleita, as pezas teñen dous destinos:
- Formar parte dun cancioneiro
- Ser empregadas polos grupos folclóricos para interpretarse sobre un escenario
Os grupos folclóricos caracterízanse por:
- intentar ser o máis fieis posibles na interpretación dunha peza;
- adoitan actuar con vestimentas tradicionais;
- tocan exclusivamente instrumentos tradicionais galegos: gaita, zanfonas, requintas, acordión diatónico... e sobre todo, instrumentos de percusión de todo tipo: cunchas, latas de pimentón, legóns, tamboril, tarrañolas, culleres, bombos, pandeiros, pandeiretas...
Entre os músicos folclóricos inclúense:
- agrupacións de baile;
- cantareiras;
- cuartetos de gaiteiros;
- charangas;
- zanfonistas;
- gaiteiros solistas...
3. Música Folk
Na década de 1980 mozos das cidades interesados na música tradicional dan un paso máis e comezan a mesturala con outros estilos musicais, como o rock, a música irlandesa, a medieval... Así comezou un período de mestizaxe musical caracterizado por:
- incorporar instrumentos tradicionais doutras culturas:
- bouzouki (Grecia)
- bodhram (Irlanda)
- táboas indias (India)
- incorporar instrumentos doutros estilos musicais:
- teclados, sintetizadores
- guitarras
- baixos eléctricos
- incorporar ritmos propios doutras culturas e estilos musicais:
- flamenco;
- salsa;
- reel e giga irlandesas
- ritmos balcánicos...
4. Seguimos o proceso dunha peza
4.1. Palmira - Florencio, o cego dos Villares (Recolleita: música tradicional)
4.2. Palmira - Leilía (Pandereteiras - música folclórica)
4.3. Palmira - Lulavai (Arpistas - música folk)
Imaxe: CONTANDO ESTRELAS. I Festival Folclórico "Vila de Baiona". En Flikr. CCBYSA
Comentarios
Publicar un comentario